As bombas ás 9 da mañá chaman á xente a percorrer a parroquia. Hai que organizarse. Algúns xa esperan na praza de reenganche da noite anterior. Moita festa enriba. Necesítase a mañá enteira para ir por todos os barrios do pobo. Estamos nas festas do Entroido de Goián, todo un acontecemento que para moitos (entre os que me inclúo) é o mellor desta vila, incluso me atrevería a decir que para moitos é a mellor festa do ano. A xente do pobo temos presente esta festa durante todo o ano, uns traballando para que se faga posible e outros recordando e esperando con ansia a que chegue o seguinte.
O Luns do Entroido, é o día de ir a pedir, un día grande sen ningunha dúbida. Todos e todas estamos convidados a comer, beber e pasalo ben, desde hai máis de 40 anos. Uns aparecen con espalladoiras, outras con cestas, e por suposto non deben faltar as gaitas, os bombos e os foguetes. Que a festa non pare! Hai que reunir os ovos e patacas suficientes para máis de cen tortillas que hoxe toca comer; así como as galiñas, chourizos, touciño, berzas e repolos que entrarán no cocido do martes, o gran cocido para coller forzas antes do desfile de carrozas.
Coa chegada da música ábrense as portas das casas. Nunhas dan para as comidas de hoxe e mañá, noutras mércanse rifas para contribuír aos gastos, e en algunhas ata convidan a merendar, con un elemento común que non debe faltar: o viño.
Imos recorrendo os barrios divididos en varios grupos. Os foguetes van indicando as posicións dos grupos que acaban por xuntarse ao mediodía na capela de San Roque. Un descanso, viño e torremos para seguir camiñando. Aínda queda moito por andar. As borracheiras xa empezan a ser visibles. Cada vez vaise unindo máis xente, que esperta alentada polo ritmo inconfundible dos bombos.
Seguimos o percorrido. Algúns veciños ata convidan a orellas de entroido. Pero a comida empeza a ser o de menos. O que importa é o viño. “Danos unha botelliña” decimos ás donas das casas nas que paramos. Xa son cerca das 3 da tarde cando chegamos ao tramo final do percorrido. Os grupos vólvense a xuntar. Os gaiteiros, bombos e caixas demostran todo o seu potencial cando lles pedimos, incansables, que volvan a tocar outra. Bailamos e saltamos. Todo o pobo unido. Da igual a idade, da igual o sexo; nestes días todo vale. E despois do intenso último tramo final, chegamos todos xuntos á praza, a donde horas antes comezábamos o percorrido. No local da comisión do Entroido espérannos uns deliciosos bocatas de tortilla, que comemos por ali ciscados. Os que non foramos a cama estamos rebentados, despois de levar dende venres ou sábado de festa. É hora de ir durmir para estar preparados para a noite. O día seguinte será duro. Toca desfile de carrozas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario