El Blog De Mou

.

sábado, 10 de diciembre de 2011

OS CABAQUEIROS E A JALLEIRA

    Damos por feito que a maioría da xente do Baixo Miño sabemos o que son a cabaqueira e os cabaqueiros, pero, para a xente do norte ou por se algún forasteiro se pasa por estes lares, explicarei que do que se fala é de tellas. Os cabaqueiros eran os que se dedicaban ao oficio de facer tellas.
    Hai 60 anos, máis ou menos, era habitual que moitos dos homes do Baixo Miño -sobretodo do Rosal- marchasen fóra a traballar, de telleiros ou albaneis. Uns e outros crearon, como é costume en moitos gremios, unha linguaxe ampla e non menos sofisticada, que lles servía para comunicarse, xa fose en cuestións de traballo como na vida cotiá.
    A diferencia doutros oficios artesáns que hoxe se conservan porque adquiriron a categoría de arte, éste (o de telleiro) está condenado á desaparición, pois cando o derradeiro cabaqueiro morra, con el rematará a fabricación tradicional deste tipo de artiluxios, e non haberá protagonistas posibles para a Festa do Cabaqueiro, que se leva facendo dende 1988 no concello do Rosal.
    A ferramenta utilizada para este oficio estaba constuída por diferentes utensilios, como peites e agullas para tixolos, e formais e gradillas para as tellas. Como se pode apreciar, o nome das ferramentas tamén forma parte do idioma propio dos cabaqueiros. Ese idioma era coñecido como a jalleira. Eiquí un breve exemplo da jalleira, unha carta enviada por un veciño de Goián a un amigo seu emigrado a Castela, coa súa correspondente traducción:

“Cocas Ramón. Cutufoume a túa folleca; non asives que toupara o xamaraina. Azóutalle ajouchamentos á calloa polo toupado, polo dexano e pola bandalla. Aqueves todeito baidó. Taxicamos chela churumbelada no castelo mastio xonica ca dos Remedios. A mouja e o jandicio a depaleóns; os jandidores a chións. O mañolas Pepe Piñeiro e os budías da cocerfa non azoutaban cricalleirado cascareladas no delabado. No xano xido jandimos un xildro xidísimo con cacaruxa, llotas, burel, sirja, baloucas e maravallo. Co xildro taxicamos chela choca e xomerciámola a cen escamas a xildreira e os chaíns prá churumbelada do carnaval. O zaburro do toi da leira de Tollo para pirrio: non buretou e o melco apopouno. Non bajulles por iso, pois baloucas maxinan moitemes pro toi e mastio pro cico, con almeo. Ajouchamentos do teu cocas, Manoliño.”

“Amigo Ramón. Alegroume a túa carta; non así que morrera o amigo. Dálle abrazos á muller polo finado, polo queixo e pola camisa. Aquí todo ben. Fixemos unha festa no castelo, mellor ca dos Remedios. O viño e a comida a paladas; os comedores a carros. O mestre Pepe Piñeiro e os peóns da cociña non daban feito tortillas no sábado. No domingo comemos un cocido boísimo con galiña, chourizas, touciño, carne, patacas e repolo. Co caldo fixemos unha sopa e vendémola a cen pesetas a cunca e os cartos para a festa do Entroido. O millo teu da leira de Tollo está malo: non choveu e a calor atenazouno. Non chores por iso, pois patacas hai moitas, pra ti e máis pro porco, con respeto. Abrazos do teu amigo, Manoliño.”

Con este exemplo podemos comprobar o laborioso que era o idioma da jalleira, e o mérito que tiñan todos os cabaqueiros, tendo en conta que daquela non había tantas facilidades para a comunicación como hai agora. Todos os meus respetos.  

No hay comentarios:

Publicar un comentario